Tuesday 07 de May de 2024

Un total de 140 nenos e nenas de tres centros escolares participarán o próximo curso no programa Concilia


Admitidas todas as solicitudes de praza para o servizo municipal de conciliación da vida laboral e familiar nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán

Todas as solicitudes presentadas para participar durante o curso 2023-24 no programa Concilia están admitidas. Son un total de 140: 65 para o colexio Bergantiños, 64 para o Fogar e 11 para o Gándara-Sofán, segundo a listaxe provisional. A definitiva farase pública o 21 de agosto. A cifra de usuarios/as incrementarase cos nenos e nenas que utilizan o servizo en días soltos. Neste caso, a solicitude está aberta durante todo o curso.

No CEIP Nétoma-Razo non se acadou o número mínimo de matrículas para poñer o servizo en marcha, xa que só houbo catro. Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade ofrécese a posibilidade de implantar o servizo en todos os centros públicos de infantil e primaria sempre que exista un mínimo de 10 solicitudes para o curso completo.

PROGRAMA CONCILIA

O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

En que consiste
O programa desenvólvese durante o período escolar, e consiste en recoller ás nenas e aos nenos á primeira hora da mañá no seu centro escolar. O obxectivo é responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoas debidamente cualificadas, así como ofrecer o servizo dun almorzo equilibrado.

Servizos que comprende
Servizo de gardaría: o equipo de monitores/as atende ao alumnado, garantindo hábitos de hixiene, e ademais realizando actividades de ocio e tempo libre. O servizo de almorzo é opcional.

Horarios do servizo
O servizo préstase de luns a venres os días lectivos dende as 07:00 ata a hora de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece servizo nos primeiros días de setembro, ata o comezo do curso, e en períodos vacacionais, agás no verán. Nestas datas o servizo ofrecese no locais habilitados pola empresa que ten a concesión, O Recuncho dos Nenos, na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.